Prestige : Aquí no ha pasado nada

Manifesto NUNCA MÁIS (actualizado a 23 de xaneiro)

O accidente do Prestige, a posterior xestión da traxectória do barco e as consecutivas marés negras, supuxeron unha gravísima crise con enormes consecuéncias no plano social, econónimo e ambiental.
Esta catástrofe, de dimensións descoñecidas na Galiza, puxo de manifesto a caréncia absoluta de medidas de prevención, protocolos fiábeis de actuación e meios de protección do litoral galego. Só a actuación decidida e sacrificada dos sectores produtivos das rias galegas permitiu minorar en certo grao os gravísimos danos das marés negras e, do mesmo xeito, só a actuación dos concellos galegos, das diversas organizacións e comisións cidadáns e de milleiros de voluntários, permitiron iniciar a loita contra a contaminación nas nosas costas, diante da auséncia do Estado e acción guvernamental.
Asi mesmo, toda esta catástrofe e a situación de desamparo vividas supuxeron unha imensa reacción da cidadanía na esixéncia de que "nunca máis" volvera a suceder unha crise destas características e de que se tomasen todas as medidas necesárias para lograr a recuperación dos graves danos económicos, sociais e ambientais que se estaban a orixinar.
A consecución destes obxectivos de reparación, recuperación e seguranza marítima integral implica a disposición de elevados recursos económicos, unha importantísima mobilización e colaboración social en todos os seus ámbitos e a implicación de inxentes meios técnicos e materiais.
Por isto, a Plataforma cidadá NUNCA MÁIS, como expresión das demandas da cidadania galega, esixe a posta en marcha das seguintes medidas:
1º. Por hixiene democrática, depurar as reponsabilidades políticas, tanto do Governo galego como do Governo central.
Non podemos calar diante da manipulación e do escurantismo que están a practicar ambos os Governos do Partido Popular, utilizando todos os meios ao seu alcance e opondo-se á criación de calquer comisión que dea luz a todo o acontecido.
2º. Solución definitiva ao barco afundido polos seus constantes vertidos.
Nestes momentos seguen a aflorar manchas de fuel do Prestige, sendo impredicíbel a apertura de novas fendas no buque. Non é posíbel falar de normalidade mentres se siga a manter o barco afundido coa súa carga, sen lle dar unha solución definitiva.
3º. Dotación de meios modernos e planos de emerxéncia profisionais de actuación e defensa diante das marés negras.
A contención e extracción das manchas de fuel e dos restos que se achegan ás costas ou penetras nas rias, ten que ser abordada por equipos profisionais e con meios modernos, dedicados exclusivamente a estas tarefas. Unha cousa é a colaboración de todas as forzas disponíbeis contra a chegada dunha mancha importante ás costas ou rias e outra ben distinta é o traballo constante de limpeza e recollida de pequenas manchas, galletas dispersas, labores de vixiláncia, etc. A sociedade pode e debe axudar aos meios públicos e á acción do Estado, pero non substituíla.
4º. Limpeza completa dos restos de manchas de fuel das augas mariñas costeiras e das illas e as suas praias, rochas e fundos.
Non se poden normalizar as actuacións de recuperación dos valores naturais e produtivos sen ter efectuado unha limpeza completa de todos os restos de fuel. Os profisionais do mar necesitan desa limpeza para dedicaren-se a recuperar a súa produción, e iso precisa da convición de que non van chegar máis manchas ou galletas de fuel. Existen problemas de manchar os aparellos, de estragar a semente, bloqueo real dos investimentos, etc.
As zonas naturais necesitan desta limpeza completa para reiniciar os seus ciclos naturais e dar paso, con certa viabilidade, aos traballos de recuperación de repovoación. Son necesários Planos de Actuación concretos e escritos para todos e cada un dos aspectos: praias, fundos, rochas e augas, que se deben executar de forma coordinada, parellamente e con protolocos de actuación perfeitamente especificados. Estes planos de actuación deben ter unhas datas de execución e finalización, dispoñendo os meios materiais e técnicos e o persoal necesário para executá-los.
5º. Medidas urxentes para a recuperación dos valores naturais e produtivos das nosas rias e litoral.
Elaboración e execución, entre a Administración central e a autonómica, dun plano de rexeneración da plataforma continental e das rias, de todo o ecosistema mariño danado pola marea negra, contando coa comunidade científica galega e co sector do mar. O devandito plano deberá estar debidamente orzamentado.
6º. Medidas concretas para a recuperación económica.
Elaboración dun plano económico-social, contando coa participación da Xunta de Galiza, con cargo aos orzamentos xerais do Estado –sen ter en conta as partidas xa asignadas ao noso país–, destinado prioritariamente a mellorar as infraestruturas e os servizos das comarcas afectadas e a promover a economia produtiva, sen esquecer a pesca e a acuicultura, coa finalidade de impedir a emigración e mellorar a renda e a riqueza.
7º. Mantemento das axudas aos sectores afectados.
É necesario seguir a manter as axudas estabelecidas, incluindo como beneficiários destas a todos os sectores realmente prexudicados.
Non imos aceitar que intereses de aforro económico sexan o condicionante para a apertura ou non de zonas de pesca ou marisqueo.
8º. Medidas concretas para evitar este tipo de catástrofes.
Esiximos a adopción de medidas por parte do Governo do Estado e da Xunta de Galiza que posibiliten que feitos como este non se volvan a repetir, con medidas dirixidas a afastar o tránsito de mercadorias perigosas das costas, controlar o tráfico, controlar o estado dos buques e as infraestruturas portuárias que armacenan substáncias perigosas, e dotar a Galiza dun dispositivo público de salvamento, loita contra a contaminación mariña e intervención rápida en casos de catástrofe suficientemente dotado.

 

 Volver