Prestige : Aquí no ha pasado nada

MANIFESTO DA PLATAFORMA CIDADÁ "NUNCA MÁIS"

As múltiples e diversas entidades (partidos políticos, sindicatos, confrarias de pescadores, asociacións de mariscadores, grupos ecoloxistas, etc.) que decidimos constituirmo-nos en Plataforma Cidadán "Nunca Máis", que con carácter unitário e aberto pretende canalizar as xustas demandas da cidadania galega para a pronta reparación dos danos causados polo buque Prestige, exiximos:

· A declaración de Galiza como zona catastrófica coa imediata dotación de recursos de todo tipo para reparar as graves consecuéncias económicas, sociais, meio-ambientais e para a saúde provocadas polo sinistro.

· A imediata posta en marcha de mecanismos de prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente dos meios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración meioambiental da costa.

· A adopción de medidas por parte do Governo do Estado e da Xunta de Galiza que posibiliten que feitos como este non se volvan a repetir, con medidas dirixidas a aloxar o tráfico de mercadorias perigosas das costas, controlar o tráfico, controlar o estado dos buques e as infraestruturas portuárias que almacenan substáncias perigosas, e dotar a Galiza dun dispositivo de salvamento, loita contra a contaminación mariña e intervención rápida en casos de catástrofe suficientemente dotado.

A Plataforma Cidadá Nunca Máis entende que a catástrofe do Prestige é un desastre de dimensións nacionais que atinxe e implica ao conxunto dos cidadáns e exixe de todos os galegos e galegas unha resposta solidária.

O sinistro pon en evidéncia dun xeito sangrante a ineficácia das medidas preventivas para evitar este tipo de sinistros, a auséncia de planos de emerxéncia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de situacións.

Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiéncias, reclamamos a demisión das autoridades que coa sua ineficácia e irresponsabilidade permitiron que o accidente tivese as piores consecuéncias, e demandamos a efectivización das medidas recollidas na táboa reivindicativa exposta para que o desastre que padecen reiteradamente as nosas costas (Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Pátria, Casón, Mar Exeo...), e que tanto sofrimento provocan na sociedade galega non se volva a producir NUNCA MÁIS.

 Volver